Samaín ou Halloween?
Como se chama realmente: Samaín ou Halloween?
Dende hai moitos, moitísimos anos celébrase en Galicia o Samaín. Nesa mesma data, celébrase tamén Halloween. Casualidade? A verdade é que non. Estas celebracións tiveron unha orixe bastante curiosa, xa que a súa expansión foi como un boomerang.
Hai moitos anos, unha tribo asentouse, entre outros lugares, na actual Inglaterra e no que hoxe coñecemos como Galicia. Todos os pobos que se asentan nun determinado lugar deixan a súa influencia e, con esta tribo, coñecida como os Celtas, non ía ser menos. Deixaron algunhas tradicións que se manifestan en forma de celebracións, costumes ou crenzas. Unha destas celebracións é a que nos ocupa hoxe: o Samaín.
Para os Celtas, o Samaín era a súa celebración do aninovo. Era a forma na que lle daban a benvida a esas noites cada vez máis longas. Tamén era unha data na que crían que se abría unha porta entre o mundo dos vivos e o mundo dos mortos, o que permitía os defuntos visitar os fogares e quencer coa calor das súas lareiras.
Outra crenza, relacionada coa anterior, era que na cabeza habitaban as almas das persoas, polo que nesas datas colocaban candeas dentro dos cranios dos seus inimigos e poñíanas nas portas e nos muros para permanecer tranquilos nos seus fogares. Quizais esta última tradición che resulte familiar. Co paso do tempo deixaron de empregarse cranios e comezaron a empregarse outro tipos de cousas, como por exemplo cabazas. A estas cabazas, despois de baleiralas e poñerlles unha candea dentro, chámanselles calacús.
E Halloween?
Esta tradición tamén era propia dos Celtas en Inglaterra, onde deron en chamarlle Halloween, o cal provén de All Hallow’s Eve (Víspera de Todos os Santos). Tempo despois, os ingleses exportaron esta tradición aos Estados Unidos. En Galicia, coa chegada do cristianismo, esta festa foi considerada pagana e, polo tanto, inadecuada. Adaptouse ás normas da Igrexa e converteuse no que coñecemos como o Día de Todos os Santos, nome moi relacionado co que, nun inicio, recibía en inglés.
Esta festa está tamén moi relacionada cos magostos, coa vendima e coas matanzas que teñen lugar neste momento do ano. Parece que todas elas aluden á colleita do outono que servirá para pasar o inverno.
Na actualidade fomos volvendo á orixe da celebración e a noite do 31 de outubro celebramos o Samaín ou Halloween e o día 1 de novembro o día de Todos os Santos. Tamén é certo que cada persoa celebra esta data de diferente maneira, hai quen se disfraza de monstro, quen conta historias de medo, quen baleira cabazas e quen vai ao cemiterio a recordar a aqueles que xa non están. E ti, como o celebras?
Por se non se che ocorre como celebralo, deixámosche aquí un enlace no que poderás atopar algunhas ideas en Vigo e arredores.